terça-feira, 13 de maio de 2014

VISITAS DE ORIENTACIÓN PROFESIONAL 2014 I

Pois estivemos de visita na Fundación TIC. Coñecemos un plató de televisión, unha unidade móbil, entendimos como se facía a realización dos programas... Foi unha mañá ben interesante como podedes ver
nestas fotos:




Tamén podedes ver unha reportaxe da nosa visita  neste enlace:
O CPI DR. López Suárez de Friol visita a Fundación TIC

E ao final....Unha sorpresa! Grabamos este informativo

FORMACIÓN PROFESIONAL

Realmente é moi dificil decidir entre tantas familias e tantos ciclos diferentes como hai dentro da Formación Profesional, por iso queríamos deixarvos aquí o enlace da páxina de Consellería de Educación onde podedes atopar toda a información que necesitedes tanto para tomar a decisión como para coñecer os prazos de matricula, listados de admisión, etc.

http://www.edu.xunta.es/fp/

VISITAS DE ORIENTACIÓN PROFESIONAL 2014 II

Pois fomos á Escola de Artes e ao IES As Mercedes de visita, e tamén coñecemos os ciclos de Hostelería que hai no IES San Xillao, onde disfrutamos dunha estupenda comida. Foi un día interesante onde aprendemos moitas cousas, vimos estudos moi diferentes que nos fixeron dubidar de a que dedicarnos....
Pero tivemos un fallo gordísimo. Fomos visitar un centro onde hai un ciclo superior de fotografía, e non levamos cámara de fotos!!!!!, así que só queda o testemuño destas fotos mal sacadas cun móbil.






segunda-feira, 12 de maio de 2014

UNIVERSIDADES GALEGAS

Para quen teña a idea de ir a universidade, aínda que vos queda pasar polo Bacharelato, estaría ben que empezarades a pensar en que carreira universitaria ides elixir. Pode ser importante para determinar que materias escolleredes o próximo curso no Bacharelato; por iso queríamos deixarvos aquí uns enlaces das tres universidades galegas onde veredes as súas respectivas ofertas educativas, entrando en cada titulación podemos ver que materias se cursan, cales serían as ocupacións profisionais máis relacionadas...


http://www.usc.es/es/titulacions/titulac1e2ciclo.htmlhttp://estudos.udc.es/es/degrees



E para quen queira buscar estudos fóra de Galiza deixámosvos un enlace dunha páxina que funciona como buscador de estudos de grado, masters e cursos de doutoramento, pincha aquí e segue buscando.

segunda-feira, 4 de junho de 2012

terça-feira, 15 de maio de 2012

COMO É A PROBA DE ACCESO Á UNIVERSIDADE?

A Proba de Acceso á Universidade(PAU), o que normalmente chamamos selectividade é un exame que temos que pasar para acceder á universidade despois de ter aprobado o 2º curso de Bacharelato. 
Imos comentar sinxelamente como é a estrutura da proba, tedes máis información nos enlaces que proporcionamos.
A selectividade ten dúas partes: 
1. FASE XERAL (Obrigatoria) que contén 5 probas:
  • Lingua Castelá e Literatura
  • Lingua Galega e Literatura
  • Historia de España ou Filosofía
  • Lingua Estranxeira
  • Unha materia de 2º de Bacharelato propia da modalidade elixida por cada alumna/o.
2. FASE ESPECÍFICA (Voluntaria)
 Pódense facer como máximo 4 materias de 2º de Bacharelato entre as propias da modalidade.

Cada proba da FASE XERAL calificarase de 1 a 10  con dúas cifras decimais e a cualificación total será a media aritmética destas cinco probas expresada de forma numérica con tres cifras decimais. Para poder superar a selectividade é necesario obter polo menos 4 puntos nesta fase. Considerarase superada se obtemos unha nota igual ou superior a 5 puntos despois de facer a ponderación de 60% a nota do Bacharelato, 40% a nota da fase xeral.
A nota media do Bacharelato será a media aritmética de todas as materias cursadas agás as ensinanzas de relixión.
A NOTA DE ADMISIÓN para as carreiras con límite de prazas obtense coa seguinte fórmula:
Nota de admisión= 0,6*NMB+0,4*CFX+a*M1+b*M2
NMB= Nota media do Bacharelato
CFX= Cualificación da Fase Xeral
M1, M2= As dúas materias da fase específica que proporcionen mellor nota de acceso
a, b= Factores de ponderación das materias segundo a carreira escollida.
A nota máxima que se podería obter deste xeito sería 14

terça-feira, 1 de maio de 2012

PREMIO BLOG ORIXINAL

Con canta ilusión recibimos este premio das mans do Blog do CPI de Panxón, que é un dos nosos Blogs favoritos e desde logo, un exemplo a seguir.
Ao recibir este premio temos que cumprir tres condicións:
A primeira: nomear a quen nolo deu, algo que vimos de facer.
A segunda: dicir unhas palabras para definirnos, uff! que dificil!!! Neste mundo bloguero aspiramos a recopilar e organizar información e recursos que circulan pola rede, de xeito que poidan ser útiles á nosa comunidade educativa.
A terceira: Darlle este premio a outros dez blogs. Imos repartir cinco para blogs do noso centro e os outros cinco para outros blogs de Orientación.
Os do noso centro, que teñen moita máis solera e categoría que o noso:
O Blog da Biblioteca
O Blog do Proxecto Interdisciplinar
Abalar en Friol: Aula Aberta
Friol: Algo máis que pan e queixo
Blog de Lingua Galega

Os de Orientación:
En primeiro lugar está Barbón Blog, o blog de Daniel Veiga, grazas ao que naceu este o noso blog por ser o profesor do curso de Platega "Introdución das TIC nos Departamentos de Orientación" onde o iniciamos.
E estes catro blogs que seguimos e dos que sacamos moitas ideas e información:
Orientación Educativa y Tutoría
Orientablog do CEIP Isaac Peral
Blog de Orientación Educativa
Blog de Orientación do IES Alfoz-Valadouro

domingo, 22 de abril de 2012

UNHA ESTUPENDA ACHEGA Á EDUCACIÓN INFANTIL



Descubriunos este blog de Educación Infantil o profe de Plástica de Secundaria. Pode que chegase a el grazas ao suxerente título que ten: InnovArte, en todo caso foi un feliz achádego, ademais de múltiples ideas de actividades, ten reflexións moi interesantes sobre o traballo en Infantil e sobre a educación en xeral. Resulta visualmente atractivo e está ben organizado. E por se fose pouco está en galego, así que non podedes perdelo. Merece a pena consultalo de vagar.

quarta-feira, 11 de abril de 2012

TÉCNICAS DE ESTUDO ON-LINE


Esta é unha aplicación moi completa de técnicas de estudo on-line, incluíndo técnicas para mellorar a lectura e a memoria. Utilizada de forma continuada en pequenas doses pode producir efectos moi interesantes na mellora dos nosos resultados académicos.
 Para entrar pincha aquí.

ESCOLA DE ARTE E SUPERIOR DE DESEÑO DE LUGO

A Escola de Artes e Superior de Deseño "Ramón Falcón" de Lugo ten unha oferta educativa que vai desde Ciclos de Grado Medio e Ciclos de Grado Superior de Artes Plásticas e Deseño a Estudos de Grao de Deseño de Interiores e Deseño Gráfico.

É interesante darse un paseo pola súa páxina web e aínda máis polas súas instalacións, situadas nun dos edificios arquitectonicamente máis interesantes e integrados no seu entorno, da cidade de Lugo.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...